Sunday 05 de May de 2024

A Comisión Galega de Protección Civil aproba o Plan sectorial de asistencia a vítimas de accidentes aéreos e aos seus familiares


O vicepresidente da Xunta presidiu o pleno ordinario da comisión, que tamén aprobou a revisión e actualización do Plan Especial de Protección Civil ante o Risco de Inundacións

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe o pleno ordinario da Comisión Galega de Protección Civil, que aprobou o Plan sectorial de asistencia a vítimas de accidentes de aviación civil e aos seus familiares.

Trátase dun plan novidoso en Galicia, que aproba por primeira vez un plan adaptado á directriz estatal para aplicar no territorio galego.

Este plan, que desde hoxe está plenamente operativo, busca ofrecer a mellor asistencia en caso dun sinistro aéreo e garantir a coordinación absoluta entre todas as administracións implicadas, así como coas compañías aéreas e os xestores aeroportuarios.

A Comisión Galega de Protección Civil é un órgano que coordina ás administracións públicas en Galicia en materia de protección civil e emerxencias. Reúnese periodicamente e nel participan distintos departamentos da Xunta, representantes dos grandes concellos, das deputacións, da Administración xeral do Estado, da Fegamp e dos propios servizos de emerxencia e Protección Civil.

É representativa da importancia que teñen a coordinación en materia de emerxencias, a colaboración entre os distintos actores e tamén a prevención, que é outra das claves desta comisión.

Hoxe analizouse tamén a revisión que se ten levado a cabo do Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións, para adaptalo á nova normativa. Unha revisión que xa coñecen os concellos e que foi informada favorablemente pola Fegamp.

No ámbito da prevención e con ese obxectivo de estar o mellor preparados para facer fronte a calquera continxencia, estar coordinados e organizados, o Goberno galego segue a traballar nos plans de emerxencia ante rotura de presas. E hoxe mesmo foron á comisión dous novos plans: o de O Con en Vilagarcía e o de Baiona. Así, xa son 33 as presas que contan con estes plans, que despois deben ampliarse con plans municipais por parte dos concellos que se verían afectados en caso de rotura.

Seguindo con plans para estar preparados ante continxencias, outro ámbito importante é o das empresas que traballan con substancias perigosas, e nesa liña hoxe a Comisión Galega de Protección Civil actualizou os plans de emerxencia exterior de Foresa, en Vilagarcía; e do Polígono da Grela-Bens; ademais dun plan de nova elaboración, o de Alcoa, en San Cibrao.